
Torre de Hércules

Localizada na mesma cidade da Coruña, no seu paseo marítimo. Desde a súa construción polos romanos, o faro hoxe coñecido como Torre de Hércules foi un monumento digno de mención. Así o recollen as crónicas romanas e as fontes posteriores ata a actualidade. A súa singularidade fixo que a Torre se transformase no símbolo da cidade da Coruña, sendo asumido por todos os seus veciños e institucións.
Cabo fisterra
Os romanos pensaban que este era o punto máis occidental da terra e, por tanto, o mundo acabábase aquí.
Quizais porque Cabo Fisterra esconde o verdadeiro secreto da Costa da Morte: paisaxes agrestes e praias impresionantes, unhas (ao abrigo do cabo) de augas tranquilas e outras de forte ondada como Mar de Fora, unha das praias máis salvaxes de Galicia. E a gran atracción de todos os tempos, a posta de sol sobre a inmensidade do óceano, o mar do fin do mundo
Centro Histórico de Santiago
Hoxe, cando o viaxeiro, peregrino ou turista, chega a Compostela e alza a vista diante da fachada do Obradoiro, só pode dicir: “Valeu a pena”. Nunca unha frase tan sinxela pode dicir tanto. A cidade de Santiago ofrece un conxunto monumental inigualable. Os seus mosteiros, templos, palacios, rúas antigas e construcións populares típicas, unidos ao seu significado espiritual e cultural, merecéronlle a súa inclusión dentro do Patrimonio da Humanidade.











